ZdZ. Que é?

ZdZ: Zona da Zanfona, FESTIVAL Internacional. Desde 2005.

A Zona da Zanfona é un proxecto de promoción e divulgación sobre o senlleiro instrumento proxectando Galiza no mapa internacional axudando á dinamización da aprendizaxe para as novas xeracións de tocador@s.

Organizado por aCentral Folque é o festival da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito. Combina programación de actividades para o público xeral e especializado. Músicos amadores e profesionais e audiencias en xeral que atopan gozo na escoita deste fabuloso instrumento e que atopou unha nova sede no 2024 no concello de Arzúa, Galiza.

A Zona da Zanfona é máis que un festival de concertos. Sustentado nunha comunidade pequena, un grupo de interese na cultura material e patrimonio inmaterial asociado que axudamos a vertebrar, que medra paseniño e que acompañamos desde o primeiro Encontro de Zanfona Contemporánea, cando así se chamaba o festival en 2005. Naceu con vontade de aglutinar a tocadores amadores e profesionais e ofrecer concertos en auditorio ao público xeral.

ZdZ é un punto de referencia e achegamento para as persoas curiosas sobre o instrumento. Ten como un dos seus obxectivos, transmitir dun xeito accesíbel o fenómeno relevante asociado á zanfona desde un punto de vista non só musical senón tamén como recurso patrimonial, artístico e social.

ZdZ é un lugar de encontro transversal en varios eidos que pretende chegar a toda a poboación dunha forma nova, aberta e inclusiva para dar a coñecer aspectos antropolóxicos da nosa cultura e animar á participación activa de colectivos do país cos cursos de práctica musical. Ademais das actividades que se realizan ao longo do ano arredor do instrumento imbricadas no ZdZ e que axudan a transmitir os valores e legado do proxecto.

ZdZ é unha serie de accións artísticas, educativas e comunitarias arredor dun instrumento milenario ancorado no maxín colectivo galego que tentamos contextualizar na súa contemporaneidade. Por un lado atende á preservación dun acervo cultural galego nos seus propios contextos fomentando a educación, a dinamización social, a programación cultural e a participación interxeracional con criterios inclusivo; e por outro, o estudo formal deste fenómeno como manifestación artística tradicional, susceptíbel de ser practicada espontaneamente ou levada ao espazo escénico sen menoscabo da súa forma e contido.

Logo de máis de 20 anos, dous cambios de localización e unha pandemia (que non paralizou a actividade pois celebráronse as edicións de verán de 2020 e 2021) o ZdZ continúa nos eidos do pequeno e próximo, medrando paseniño para consolidar unha comunidade que atende e nos atende sen ningún outro referente programático no país nin no Estado que se asemelle.


O Festival Internacional Zona da Zanfona é unha produción deseñada, organizada e producida por aCentral Folque co apoio, promoción e achega económica do departamento de Cultura da Deputación Provincial da Coruña. Desde o ano 2024 ten o seu local na vila de Arzúa.

Scroll ao inicio