Aproveitando a Feira do 22 que se celebra o sábado, o ZdZ amenizará este mercado mensual arzuá coa actuación de ‘O cego na feira’ do dúo de Oli Xiráldez e Gustavo Couto
A actividade decorrerá pola mañá entre as 11 e as 13 horas no lugar do mercado, entre o Parque Municipal e a travesa da Feira en Arzúa. En caso de chuva, decorrerá n oedificio do Multiusos.
Sobre o O cego na feira

“Este ceguiño que están escoitando…..” Rememorando os espectáculos ambulantes dos antigos músicos de feira, Oli Xiráldez (o Cego) e Gustavo Couto (o Criado) contan romances e historias de sucesos, cantan cantigas populares e botan oracións e xaculatorias acompañados do rouco son da zanfona e a percusión miúda. Unha homenaxe a un oficio extinto que grazas á oralidade transmitiu, e difundiu non só as cantigas feitas sobre temas de actualidade no seu tempo como crimes ou sucesos chocantes, facendo o papel dos noticiarios da época, senón que preservou e fixo chegar ao século XXI romances feitos na Idade Media… “a dúas perras gordas a hestoria!!!!!”