Último concerto da XXI Zona da Zanfona, Festival Internacional, que acollerá o Palco Aberto ZdZ, unha xuntanza emocional con representación de escolas galegas de zanfona que actuarán no palco ZdZ e un concerto especial coa presentación do proxecto Zarandela. O concerto terá lugar ás 12 horas no domingo 23 de novembro e será ao aire libre na Praza de Galiza. En caso de choiva, terá lugar na Casa de Cultura de Arzúa.
Zarandela

Un cuarteto excepcional de novos zanfonistas —Marina Salgado, Uxío Blanes, Álvar Jalón, e Álvaro Marijuan— nace no seo da Tradescola (AGG) de Lugo, unha escola comprometida coa transmisión da música tradicional galega e co impulso de Lugo como capital europea da zanfona.
A pesar da súa curta idade, estes catro músicos amosan un talento abraiante e unha madurez musical que emociona. O seu repertorio percorre a historia da zanfona en Galicia, desde composicións de Milladoiro, ou pezas do cancioneiro recollido por Torner e Bal y Gay, ata referencias da historia universal do instrumento, como obras de Gilles Chabenat ou da mítica Viellistic Orchestra. Tamén interpretan composicións propias, e estrean obras escritas especialmente para este cuarteto, como o arranxo da “Xota de Riotorto” de Florencio, realizado por Pedro Lamas.
No escenario están acompañados por músicos de gran prestixio: Lucía Eiros (clarinete, clarinete baixo e gaita en Sol), Pedro Pascual (acordeón diatónico e bouzouki), Miguel Anxo López (percusión) e Germán Díaz (zanfona). O cuarteto é tamén un laboratorio vivo, aberto á creación, ao encargo de novas obras e ao futuro da zanfona en Galicia.
Escolas galegas de zanfona

O Palco Aberto ZdZ é un evento dentro do programa da Zona da Zanfona, organízase esta mostra e convivio ao redor do instrumento que nos convoca. Este 2025 será a 9ª edición desta actividade, un universo particular no propio festival que cada ano medra en asistencia debido á puxanza no ensino da zanfona nos últimos anos.
O Palco Aberto ZdZ é a xuntanza das escolas galegas de zanfona para mostrar o que se está a aprender hoxe sobre este instrumento e o seu repertorio. Esta pretende ser unha reunión anual para que zanfonistas do país poidan partillar experiencias e mostralas ao público de Arzúa. Outros anos contou presencia das aulas de zanfona de aCentral Folque e do Padroado de Cultura de Narón, con Óscar Fernández, da E-Trad de Vigo con Anxo Pintos, da Escola de Gaitas da Provincia de Pontevedra e do Conservatorio de Torroso en Mos con Vitor Soto, da Asoc. Brisas do Quenllo de Ariel Ninas, da Ponte-Velha de Santo Tirso con João Martins, das Escolas da Terra da Coruña con Miro Casabella; alunado de Germán Díaz na Tradescola de Lugo e de Cántigas e Agarimos e o alunado de zanfona de Suso Vaamonde ou Zanfonistas da Pontraga de Ariel Ninas. Cada ano son máis!
A seguir do recital, haberá un xantar popular para músicos e acompañantes confraternizar distendidamente para facer unha foliada informal na sobremesa.