Segundo día de concertos do festival internacional Zona da Zanfona cunha sesión de músicos galegos de longa traxectoria en palco e maxisterio. Pärbo, a dupla de Begoña Riobó e Anxo Pintos farán o seu debut no festival e Iván Abal recibe a encomenda do ZdZ para facer un concerto especial en lembranza do gaiteiro local Julio Vázquez Carril, finado en 2025.
Detalles:
- Data: sábado 22 de novembro 2025
- Hora: 21 horas
- Lugar: Capela da Madanela. Arzúa
- Entrada libre até completar capacidade
Pärbo: Méunimo

«Músicas seminúas de trazabilidade próxima para unha experiencia receptora de corpo aberto á distancia mínima posible» baixo o título de MÉUNIMO. En paralelo a súa actividade pedagóxica na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD, dende o ano 2019 Begoña Riobó e Anxo Pintos canalizan, en boa medida, a súa actividade escénica e musical no dúo PÄRBO. Un ensemble exiguo, para músicas contempo-devanceiras, que camiña co centro de gravidade ben asentado na música patrimonial de Galicia. Según Riobó e Pintos, esa pescuda do repertorio tradicional «non lles impide buscar tratamentos e facer procuras osmóticas noutras leiras estéticas para asinaren acabados sonoros de dixestión contemporánea.
- Begoña Riobó: violino, harpa, voz
- Anxo Pintos: zanfona
Logo de traballar e colaborar de xeito ocasional en diversas formacións, na primavera de 2019 comezan a buscar un repertorio no que aliar unha bagaxe que camiña co centro de gravidade ben asentado na música patrimonial de Galicia. Isto, a Begoña Riobó e a Anxo Pintos, non lles impide buscar tratamentos e facer procuras osmóticas noutras leiras estéticas para asinaren acabados sonoros de dixestión contemporánea.
Iván Abal: As músicas de Julio Vázquez Carril

Julio Vázquez Carril, gaiteiro de Maroxo en Arzúa e persoeiro moi querido na vila faleceu en abril de 2025. O ZdZ quere render homenaxe a este músico cunha encomenda especial a Iván Abal sobre o seu repertorio adaptado á zanfona explorando as dificultades da adaptación das particularidades organolóxicas e de articulación da gaita-de-fole.
Iván Abal é titulado en Piano, Solfexo, Instrumentos da Música Tradicional e Popular e Historia e Ciencias da Música, mestrado en Arte Dramática pola UVigo de Vigo e en Musicoloxía pola Universidade da Rioxa. Impartiu docencia en varios conservatorios galegos e actualmente exerce a docencia no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ten tocado con Son de Seu, Obal, Abal&Bellas ou MetalXis.