Comezan os concertos do festival internacional Zona da Zanfona cunha sesión única para coñecer dous proxectos, un galego e outro internacional onde a zanfona é a protagonista. María López presentará o seu primeiro traballo como solista deste instrumento que acaba de lanzar en 2025: Daydreaming; e a dupla inglesa de Steve Tyler & Katy Marchant, por vez primeira en Galiza para facer un repaso de máis de 20 anos de carreira artística.
Detalles:
- Data: venres 21 de novembro 2025
- Hora: 21 horas
- Lugar: Capela da Madanela. Arzúa
- Entrada libre até completar capacidade
Steve Tyler & Katy Marchant: Worldes Blis

Os músicos ingleses Steve Tyler e Katy Marchant interpretan unha mestura ecléctica de música de fontes medievais e tradicionais xunto coas súas propias composicións, engadindo ás veces improvisación e arranxos a música do pasado distante. O programa inclúe versións instrumentais de melodías das famosas Cantigas de Santa María, melodías da Italia do século XIV e da Inglaterra altomedieval, xunto coas súas propias composicións interpretadas no contexto de danzas balfolk: valsa, mazurca, bourrée, etc.
Instrumentalmente, o dúo usa principalmente gaitas e zanfona, pero tamén hai frauta doce, asubío, cítara e o organistrum (unha copia fiel da catedral de Santiago de Compostela, do século XII).
Steve e Katy tocan xuntos desde 2001, cando Steve se uniu á banda de Katy Daughters of Elvin (compañía de Música e Teatro-Danza Medieval), onde ela ideou os programas e fixo máscaras (diaños, lazos de madeira, dragóns, unicornios…) inspiradas na iconografía medieval, para seren usadas polos bailaríns disfrazados nas actuacións. Traballando como dúo ou coas súas bandas Daughters of Elvin ou Woodwose, tocaron por toda Gran Bretaña, Europa e Escandinavia.

María López: Daydreaming
‘Daydreaming’ marca o inicio dun soño para María López: poder expresar os seus sentimentos e emocións a través da música. Este proxecto desenvolveuse ao longo de máis dun ano, aproveitando os momentos libres que os seus estudos universitarios lle permitiron.
O álbum non segue ningunha estética definida nin tendencia establecida. Trátase dunha colección de pezas coas que a artista se sente identificada e cómoda. O disco consta de doce temas, todos interpretados e arranxados íntegramente por ela mesma.
Con este traballo, María López tamén busca dar visibilidade a instrumentos que con frecuencia están confinados a determinados xéneros musicais. Aínda que respecta as súas características tímbricas e o seu rexistro, a artista quere demostrar que estes instrumentos poden adaptarse a unha variedade de repertorios, incluído o clásico.
María López é unha música multiinstrumentista nacida en Narón (A Coruña) no ano 2004. Iniciou a súa formación musical en 2010 e titularse en 2022 nos Graos Profesionais de Gaita e Piano no Conservatorio Profesional Xan Viaño de Ferrol. Estes estudos completounos co aprendizaxe de zanfona xunto aos zanfonistas máis recoñecidos do panorama internacional.
En 2019, con tan só 14 anos, convertiuse nun referente da música tradicional galega ao gañar a XXXIV edición do Trofeo MacCrimmon, durante a 49ª Edición do Festival Intercéltico de Lorient. Este premio, o máis prestixioso ao que pode optar unha gaitera galega, consagroua como a gañadora máis nova e a primeira muller galega en alcanzar este recoñecemento.
María López tamén é coautora do libro/disco ‘As que dormen entre o centeo’, publicado pola Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega, unha obra que recolle composicións para gaita escritas por dezaseis mulleres, reivindicando o papel feminino na música tradicional.
Ao longo da súa traxectoria, colaborou con artistas de renome como BellónMaceiras, Susana Seivane e Carlos Núñez, consolidándose como unha das figuras máis prometedoras e versátiles da música galega actual.