
Iván Abal ofrece un curso de zanfona para persoas iniciadas sobre as músicas de Julio Vázquez Carril, tamén coñecido coma o gaiteiro de San Miguel. Un curso de especialización no instrumento sobre un tema xeral como é a adaptación á zanfona das músicas para gaita-de-fole, neste caso particular do gaiteiro local recentemente falecido Julio de Froilán.
Detalles:
- Data: venres 21 novembro
- Lugar: Centro Social de Santa María. Ronda da Quenlla, Arzúa
- Horario: 16 – 20h
- Prezo: 30€
- Prazas limitadas
- Debes encher o formulario dixital de embaixo
Sobre o curso
Neste curso tomarase como base o repertorio de Julio Vázquez Carril, gaiteiro de Maroxo en Arzúa cunha achega ao seu repertorio, explorando as dificultades da adaptación á zanfona das particularidades organolóxicas e de articulación da gaita.
Os contidos pivotan arredor destes conceptos e materias:
- A Ornamentación
- Os cambios de posición
- O acompañamento rítmico: instrumentos tradicionais/elementos musicais/contraste entre texturas rítmicas/homorritmia
- A man dereita avanzada: a relación entre dinámica e división da roda
O curso ten unha duración de catro horas intensivas con descansos.
Sobre o mestre
Iván Abal é titulado Superior en Piano, Solfexo, Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Historia e Ciencias da Música e mestrado en Arte Dramática pola Universidade de Vigo (2015) e en Musicoloxía pola Universidade de La Rioja (2025).
Ensinou gaita nos conservatorios Profesionais de Vigo, Vilagarcía, Ferrol e Ourense. Na actualidade pertence ao departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Estudou diferentes instrumentos da música tradicional galega: zanfona, gaita, percusión, bouzouki na Etrad, así como construción de instrumentos na EMAO (Vigo). Tamén participou en cursos e seminarios de música moderna como o Seminario Jazz de Pontevedra ou na Escola Estudio de Santiago de Compostela.
Participou en cursos e masterclasses de zanfona con Germán Díaz, Gilles Chabenat, Matthias Loibner, Valentin Clastrier, Anxo Pintos, etc., e música barroca con Tobie Miller, participando en diferentes seminarios de interpretación historicamente informada na Oficina Utricularii en Allariz (Ourense) con Paulo Gonçalves.
Foi membro de diferentes grupos cos cales realizou diferentes gravacións como SondeSeu, Nao d’Ire, MetalXis, Musgafol, Sanfonices, etc.
En Erasmus+, participou en diferentes mobilidades na Universidade de Ioannina (Grecia, 2022), Universidade de Tartu (Estonia, 2022), Pole Alienor (Poitiers, Francia, 2021 e 2024), Universidade de South East, Rauland (Noruega, 2023 e 2025). Tamén participou no proxecto TUNE (Traditional Music Undergraduate Network in Europe).
Formulario de inscrición
*Recibirás un correo (non inmediato, non automático) coa confirmación da praza e instrucións a seguir para a formalización da matrícula