V Encontro coa Zanfona Contemporánea. Narón
Datas: 13, 14 e 15 de marzo 2009

A feira, espazo sonoro dos zanfoneiros nos tempos de antes
Son os cegos os grandes cronistas, os contadores de historias, de feitos incríbeis que oíron e transmitiron, para engaiolar o maxín do seu público.
É na feira, na romaría onde os ouvintes escoitan as máis escuras, enredantes e retranqueiras coplas. Romances reelaborados e actualizados. Son mundos compartidos do imaxinario popular. Son muxicas e charamelas.
Os contos dos cegos andantes eran engalanados co chamamento dunha zanfona. A chamada de atención, o trebello musical que aínda nos segue a abraiar e sorprender.
A música é un lugar decorativo dos soños, do prohibido, da posibilidade.
Faise presente, é contemporánea.
Avant-garde en Narón
O Encontro coa Zanfona Contemporánea cumpre un lustro. Logo de catro edicións xa se consolida como referente deste instrumento milenario.
A repercusión deste festival chega a unha grande parte do público interesado neste tipo de músicas. Atrae a iniciados e a curiosos. Trae mestres internacionais á Ferrolterra.
Anos anteriores acercáronse até Narón algúns dos mellores tocadores de Europa: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea, ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández.
Nesta edición miramos de novo ao lugar que máis zanfoneiros concentra, ao máis vangardista e con máis viva tradición: o centro de Francia.
O mestre convidado é un deses novos valores: Grégory Jolivet.
Impartirá un curso intensivo en Aldea Nova e un concerto co seu novo espectáculo “Alt’o solo”, unha proposta para zanfona electroacústica e loops ao vivo.
Xarnege, quinteto transfronteirizo de Euskadi e Gascuña, compartirán palco na noite do venres.
Como novidade, presentaremos o Encontro na Feira do Trece na parroquia de Sedes. O dúo Sobre Rodas (Luís Correa “O Caruncho” e Carlos do Viso) serán os responsábeis de que a zanfona volva a escoitarse na feira, na romaría.
Ademais… outras actividades
Actividades didácticas:
para escolares:
- fotoproxección comentada da iconografía de zanfona
- concerto didáctico do dúo Sobre Rodas
- panel de experiencias do obradoiro musical e arquivo documental Centro de Artesanía e Deseño de Lugo co seu director Luciano Pérez, da Deputación de Lugo, herdeiros do pioneiro obradoiro que fundou Faustino Santalices quen recuperou este instrumento en Galiza hai xa cincuenta anos.
para músicos:
- relatorio do investigador da Asociación Ibérica de la Zanfona, Xulio García Bilbao.
- palco aberto en Aldea Nova.
Programación detallada V Encontro coa Zanfona Contemporánea
Venres 13 marzo
Feira do Trece. Sedes
- 10 h Presentación do encontro. Actuación musical: Dúo sobre rodas con degustación de viño e queixo
Aldea Nova. Sedes
- 12 h Promoción obradoiro da Centrad: Luciano Pérez
Auditorio de Narón. Concerto:
- Grégory Jolivet
- Xarnege
Sábado 14 marzo
Aldea Nova
- 10 h a 13.30 h Curso de Grégory Jolivet
- 15 h a 18.30 h Curso de Grégory Jolivet
- 19 h a 20.00 h Relatorio “A zanfona ibérica” con Xulio García Bilbao
- 21 h Palco aberto. Escenario para músicos espontáneos
Domingo 15 marzo
Aldea Nova
- 10.30 h a 14.30 h Curso Grégory Jolivet
Biografías
Grégory Jolivet
Grégory Jolivet comeza a tocar a zanfona no 1991 en Bourges. Distinguido con prestixiosos premios (St Chartier 1996, Gannat 1997) é músico profesional desde 2001 e un dos zanfonistas con máis proxección de Europa. Substituto de Nigel Eaton na mítica banda inglesa Blowzabella desde o 2004, ten outros proxectos coma La Machine, Rue Pascale, Glitch, Alt’o trio, Marginal Concept ou Longskateurs.
Grégory Jolivet desenvolve coa zanfona un repertorio orixinal de composicións propias de estilos variados. Afúndenos no seu universo de son acústico, purificado, veciño con sonoridades eléctricas abraiantes.
Emprega, sen complexos, recursos interpretativos doutros instrumentos (pedaleira de efectos, looper, tapping, lapsteel e beat boxing). Goza compartindo a súa paixón polo instrumento e polo escenario con fermosas e vibrantes melodías que ofrecen unha paisaxe sonora coloreada.
O concerto para o V Encontro será a presentación do seu primeiro disco en solitario “Alt’o Solo”, mestura saborosa para zanfona alto electroacústica.
www.myspace.com/gregoryjolivet
Xarnege
Xarnege é unha voz gascona coa que se denomina aos pobos fronteirizos entre Euskadi e Gascuña; un territorio, encrucillada de camiños, no que as dúas culturas souberon convivir, manter espazos propios e crear formas de expresión diferenciadas a partir dunha mesma orixe. E como eles, a proposta musical do grupo é mestiza, un proxecto de colaboración entre músicos das dúas beiras da fronteira.
A música de Xarnege é tradicional: branles, gavotas, jauzis, seguidas, polkas, rondeus, mutchikoak ou valses, rica en timbres arcaicos, harmonizados e interpretados aos modos vasco e gascón.
Formación:
- Joan Baudoin: boha, flabuta, zanfona diatónica, tamborín e voz.
- Simon Guillaumin: zanfona cromática, flabuta, caramera e voz.
- Lucia Longúe: zanfona diatónica, flabuta, caramera, voz e programación.
- Josean Martín: bouzouki, mandolina, guitarras e voz.
- Juan Ezeiza: violín, dultzaina, alboka, txanbela, cromorno, xirula e frautas.
http://www.xarnege.com
Dúo Sobre Rodas
Sobre Rodas son dous músicos que levan desde o ano 2006 con esta formación baseada en repertorio popular e propio baseado en cancións con acompañamento de zanfona, ao xeito no que se interpretaba a música para este instrumento até principios do século XX.
Luis Correa “O Carucho” (Vigo). É un referente no mundo da música popular en Galiza, revitalizando a interpretación de vellos romances. É o mestre na Tradescola de Lugo e a segunda vez que vén tocar a estes encontros de Narón.
Carlos do Viso (Soutomaior). Un dos artesáns de zanfonas e de percusión tradicional con máis traxectoria de Galiza. Membro fundador da ACF O Fiadeiro”, participa en diferentes proxectos de música popular e didácticos.
Xulio García Bilbao
Xulio García Bilbao (Vigo 1966) é documentalista no arquivo fotográfico da axencia de comunicación Efe. Fundador da Asociación Ibérica de la Zanfona (AIZ), activa renovadora do instrumento na Península desde 1994, na compaña do zanfonista Rafa Martín, do luthier Jesús Reolid e do músico Luis Delgado.
Luciano Pérez e a Centrad de Lugo
Este V Encontro quere promocionar a colección de zanfonas do primeiro obradoiro en Galiza, herdanza das investigacións de Faustino Santalices e continuada pola familia Pérez. O director do arquivo de documentación musical do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, Luciano Pérez, será o encargado de amosar aos escolares todos os segredos e actividades do histórico obradoiro.