6º EcZ 2010. Narón

VI Encontro coa Zanfona Contemporánea. Narón

Datas: 18 a 21 marzo 2010

‘A zanfona e a voz’

Festival temático ao redor dun dos instrumentos máis antigos de Galicia que leva entre nós 1000 anos cunha presenza reducida en número de instrumentos e músicos ao longo da historia pero de tradición ininterrompida. Actualmente está a sufrir unha revalorización por parte das novas xeracións de intérpretes de estilo “tradicional” e moderno, e leva experimentado nos últimos 15 anos, un espectacular avance nas técnicas de construción, adaptación a outros estilos musicais e demanda aos artesáns.

Os Encontros de Narón reivindican a visión máis moderna sobre a zanfona, amosando as diferentes posibilidades e aplicacións que este instrumento ten na actualidade traendo aos mellore artistas internacionais cada ano. Anos anteriores acercáronse até Narón algúns dos mellores tocadores de Europa: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea, Gregory Jolivet ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández.

Cada ano recúrrese a un tema que unifique e dea contido á progamación deseñada desde aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular en colaboración co Patronato de Cultura do Concello de Narón.

As actividades son variadas e específicas contando sempre cun concerto en escenario polo mestre invitado cada ano, un curso intensivo de aprendizaxe para especialistas e accións paralelas para a promoción do instrumento: exposicións, relatorios, actividades infantís, palco aberto…

A edición do 2010 contempla traer a primeira artista feminina do momento, Isabelle Pignol, unha das mellores intérpretes de Francia. Ademais do curso intensivo, compartirá o palco con Mini e Mero, históricos da canción galega e recuperadores desde os anos 60 de romances e os novos Projeto Trepja que misturan tradición e eletrónica nunha posta escénica con baile e audivisual.

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, e o Concello de Narón ofrecen, un ano máis, este Encontro Internacional de Zanfona, único na Península Ibérica. E xa van seis edicións.

PROGRAMA

11 h – 14 h. Aldea Nova

Concerto didáctico para escolares: Projeto Trepia

Demostración e Exposición: Jaime Rebollo

  • 17 h – 19 h: Aldea Nova. Sesión de afinación e reglaxe con J.Rebollo e Ó.Fernández
  • 20:30 h. Concerto no Pazo da Cultura (Café Concerto)
  • Mini e Mero
  • Projeto Trepia
  • Duo Corps Vibrants
  • Curso intensivo para zanfonistas: Isabelle Pignol

“La vielle à roue a toujours été un instrument contemporain des époques qu’elle a traversées et, n’en déplaise à certains empêcheurs de tourner en rond, cet instrument polyvalent reste ouvert à toute nouvelle approche musicale, technique ou organologique.”

A zanfona sempre foi un instrumento contemporáneo das épocas polas que atravesou e, sen evitar que algúns detractores lle anden ás voltas, este instrumento polivalente segue aberto a toda nova achega musical, técnica ou organolóxica”

Pierre Imbert, “Vielle à roue – territoires illimités”

A zanfona e a voz”

A tripa que frega a roda viciosa que fai o camiño.

O camiño que forxa as historias, que arrepían as tripas.

As tripas que fan as cordas, que atan os libretos.

Os libretos que contan as traxedias de todas as terras, de todos os tempos.

E o camiño segue. E a roda xira. E bate o can.

E chega a Compostela. Incansábel viaxeira.

E o Pórtico é testemuño da súa milenaria historia.

E o camiño segue. E xira a roda. E o Camiño do Norte trae a Narón

A ZANFONA. Instrumento estraño. Desconcertante cantador.

Cheo de posibilidades sonoras para os nosos músicos experimentar, os nosos cronistas contar.

Isabelle Pignol

Isabelle Pignol, moradora da rúa Galicia en Grenoble (Francia), é unha das máis sobresaíntes intérpretes desa segunda xeración de zanfonistas que a primeiros dos 90 revolucionaron o instrumento, transitando por camiños diferentes aos da música tradicional, bebendo do traballo pioneiro de Valentín Clastrier (convidado no IV Encontro).

As súas investigacións musicais e as súas composicións constitúen un repertorio moderno e ecléctico cunha paleta sonora en base a técnicas diversas: percusivas (cordas golpeadas, pulsadas,…) ou non melódicas (a saturación natural do son, etc). Utiliza este instrumento tradicional nun estilo decididamente contemporáneo. Coñecida internacionalmente por ser parte do supergrupo Dedale, misturando ritmos de raíz francesa con jazz, un dos máximos expoñentes do folque europeo ou do rock étnico instrumental.

Formou parte nos seus 12 anos de existencia -até 2004- da Viellistic Orchestra, proxecto único e irrepetíbel que dirixiu Pascal Lefreuvre xuntando en escena aos mellores zanfonistas de entón cun repertorio ecléctico, culto e contemporáneo. E leva traballado con xente tan diferente coma Damiano Sarzier (tradicional), Magali Lozano (canto clásico), Mina Small (jazz), Giovanna Marini (canto tradicional), Antonella Talamonti (a improvisación vocal), Gilles Chabenat (zanfona), Carlo Rizzo (rock progresivo),…

http://isabellepignol.mustradem.com

Duo Corps Vibrants

Expoñente da sempre inqueda e creativa escena artística francesa, Isabelle Pignol traballa a eito con diversos músicos e en distintos proxectos ao mesmo tempo. Co baixista Maxime Bouchet forma en 2008 o Dúo Corps Vibrants. Unha mestura audaz de zanfona electroacústica e de baixo de seis cordas con incursións vocais e algúns efectos sonoros. A conxunción destes dous instrumentos é atípica e a proposta escénica do dúo moi novidosa. As súas creacións pintan cores festivas ou intimistas, incitan ao bo humor e ás veces ao baile.

Este concerto en Narón será a súa presentación por vez primeira fóra de Francia.

Mini e Mero

Mini e Mero é unha figura seminal da canción galega dos últimos 40 anos. Cantores, etnógrafos, recuperadores e actualizadores de repertorio e tradicións, militantes e representantes do compromiso cultural co patrimonio herdado. Mini, Xosé Luís Rivas Cruz, (Pacios, Begonte) e Mero, Baldomero Iglesias Dobarrio (chairego de Vilalba) comezan a súa vida pública conxunta a finais dos 60, cando xa se fala do Movemento Popular da Nova Canción Galega.

En 1972, nace Fuxan os Ventos cos que inician unha nova etapa conceptual da música en Galicia, de protesta política, de popularización e de recollida da tradición oral. Cando o grupo perde parte do seu pulso na primeira liña reivindicativa, Mini e Mero o abandonan (1982) e, pouco despois, fundan A Quenlla (1984), retomando o traballo de base e actualizando maneiras.

En grupo ou a dúo, levan actuado en todo tipo de palcos, colaborado con asociacións e institucións; gravado aos informantes populares (‘Cantos, Coplas e Romances de Cego’ [vol. I e II]; compilado anacos da tradición oral ( ‘A Carón da Escola’, ‘Contos de Vellos pra Nenos’, ‘Somos lenda viva’, cedido o seu arquivo sonoro (APOI).

http://miniemero.com

Projecto [‘trepia]

Projecto [‘trepia] comeza a súa andaina gañando o primeiro premio da categoría de música e o segundo de vídeo-creación no certame Gzcrea 2008. En 2009 é premiado no Nsaio Xeral e desde entón presentouse en varios concellos e locais de Galicia.

Son un colectivo cambiante na súa formación que se alimenta da creatividade dos seus integrantes nunha mistura de linguaxes escénicas contemporáneas sobre conceptos da cultura tradicional. Ofrecen un espectáculo de música ao vivo, danza e audiovisual: zanfona electroacústica, percusións miúdas, pandeiros de man, añas, corozas, video, bases electrónicas, samples, gravacións de campo, bailes do torreiro, danza contemporánea,…

Son parte da Asociación Cultural Trépia que abrangue nun só proxecto o ensino da música e baile tradicionais e as súas posíbeis adaptacións contemporáneas. Pártese do estudo e análise do material de campo gravado (recolleitas) para a súa reinterpretación, tanto desde a escola como desde o grupo escénico: Projecto [‘trepia].

http://www.trepia.org

Jaime Rebollo

Nace en 1978 en Pontevedra. Desde mediados dos 90 comeza a tocar en diferentes grupos. En 2002 empeza a estudar construción de zanfonas no obradoiro da Escola de Artes e Oficios de Vigo con Xaime Rivas, á vez que se interesa polo traballo doutros construtores como P. Mousnier, W. Weichselbaumer, Jesús Reolid, etc., e zanfonistas coma Anxo Pintos, Óscar Fernandez, Valentín Clastrier, Gilles Chavenat, Germán Díaz, Mathias Loibner, etc., que son capaces de levar o instrumento cara aos camiños insospeitados.

Entre 2006 e 2008 estuda luthería antiga con Ramón Casal na Escola de Artes e Oficios de Vigo. En 2004 monta o seu propio taller no que empeza a construír zanfonas mentres continúa coas súas propias investigacións sobre o instrumento. Ademais dos traballos de construción, Jaime é un excelente músico e forma parte da Orquestra Son de Seu na sección de requinta. Actualmente continúa desenvolvendo e evolucionando diferentes modelos de zanfona, mentres prepara o lanzamento doutros instrumentos para o 2010.

http://rebolloinstruments.com

Vídeo do acto promocional do Encontro nun centro comercial de Narón

Scroll ao inicio