
O festival Zona da Zanfona organiza máis un ano o Foro ZdZ, un lugar para o debate e reflexión. O Foro ZdZ é o paraugas onde se artellan outras actividades do festival ZdZ para a partilla de ideas, presentacións de proxectos e investigación ou lanzamentos editoriais que cada ano haxa arredor da instrumento. O Foro ZdZ decorre na recén restaurada Casa de Correos e posta a disposición do Concello
Para esta edición de 2025 contaremos coa achega do luthier Xosé Manuel Tobío, máis coñecido no eido da luthería coma ‘Xaneco‘ e as súas investigacións da chamada zanfona do cego de Carelle, un especímen moi interesante polo dseu grado de conservación e características morfolóxicas que tal vez, podería ter saído dalgún obradoiro da zona da Ulloa á que pertence a vila de Arzúa nalgún momento do século XIX e ao que o artesán tivo acceso a finais dos anos 90.
Detalles
- Data: sábado 22 de novembro
- Hora: 19 horas
- Lugar: Casa de Correos
- Entrada de balde até completar capacidade
- Título: Análise da antiga zanfona do cego de Carelle
Descrición da actividade
“No ano 1995 tivemos a ocasión de ver e ter nas nosas mas por primeira vez a zanfona do cego de Carelle, no museo da Terra de Melide, lugar onde a tiña en depósito Mingos de Pita, e foi nese momento onde comezamos a preguntármonos por que as zanfonas que estabamos aprendendo a facer e mesmo as que se facían entón na Galiza, eran tan diferentes. Contemplar esta zanfona tan de perto foi como facer unha viaxe no tempo e non querer regresar até saber todo sobre ela. Segundo foi pasando o tempo fomos vendo máis zanfonas antigas, e máis incógnitas ían aparecendo……., por que se deixan de facer zanfonas como esta? Por que non lle damos o valor patrimonial que teñen? Quen as facía? Onde se facían? Cantas quedan aínda sen saber delas na Galiza?……. Aínda que non puidemos regresar da viaxe do tempo con todo sabido, mais é certo que algo máis sabemos hoxe, e compartirémolo en Arzúa.” Xosé Manuel Tobío
Breve biografía
Xosé Manuel Tobío, ‘Xaneco’ é un dos máis respectados e veteranos constructores de instrumentos tradicionais galegos en activo. Entra en contacto coa música tradicional nos anos oitenta, na Asociación cultural de Outeiro de Rei, onde comeza a aprendizaxe como percusionista de xeito autodidacta e desde entón estivo a formar parte de grupos coma A.C. de Outeiro de Rei, Lilaina, Aloia ou Caldaloba. Na actualidade é membro de Os Minhotos, Pingarela e Os Zanfoneiros da Tradescola.
Comezou a facer instrumentos de percusión nos anos 90, aportando a utilización de madeiras autóctonas (pradairo, cerdeira, nogueira, freixo..) e a súa mellora, tanto en acabados como en sonoridade, e desde entón hai centos de grupos que usan os bombos e tambores coa súa marca, tanto en Galiza coma no resto do Estado, Europa e América.
Secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos desde o ano 1993 ata o ano 2015, na data na que foi electo Presidente da mesma. No ano 1992 impulsa a mostra de música tradicional do Domingo das Mozas nas festas do San Froilan de Lugo. No ano 1994 inicia canda outros a primeira Mostra de artesáns de instrumentos de Música Tradicional que se realizou en Galiza, que aínda hoxe ten continiudade no Festival de Pardiñas, da que se celebra a 30 edición. Participante como ponente relator en multitude de charlas, concertos didácticos e obradoiros por todo o País, relacionadas coa música tradicional galega.
A constante do Obradoiro é a evolución, o estudo de instrumentos antigos e a súa reinterpretación, para obter uns instrumentos de calidade óptima que sigan mantendo a esencia cultural galega.
En concreto na construción de zanfonas, o obxectivo principal e manter a morfoloxía propia do instrumento,estudando varias das moitas zanfonas antigas que hai no noso País, e collendo como modelo unha delas, fixo unha reintrepretación e actualización, elaborando un instrumento adaptado aos tempos actuais, sen perder a sonoridade e características da zanfona galega.
Socio Fundador e membro da asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá e socio fundador da Asociación Profesional de Luthiers LABRA.
No Ano de 2014 gañou o prestixioso premio de Artesanía de Galicia, ANTÓN FRAGUAS, na súa X edición, organizado pola Deputación da Coruña, coa zanfona chamada “Carneifona”.